Dende o Grupo de Consumo do Carballiño "A Landra", fannos chegar esta información:
A Xunta decidiu fai pouco a ubicación de "Sogama Sur": o concello do Irixo, no que pretende instalar unha planta de tratamento de lixo que inclúe a incineración. Dende o grupo de consumo consciente e responsable do Carballiño A Landra rexeitamos esta "solución" por moitas razóns:
1ª) A incineración supón a emisión ao medio de sustancias tóxicas e moi perigosas para a saúde e o ambiente.
2ª) Hoxe é insostible manter que non hai outras solucións para o problema do lixo.
3ª) O lixo debe ser tratado no seu lugar de orixe, evitando o seu desprazamento.
4ª) Construír unha incineradora no Irixo supón empregar unha zona rural como depñosito do lixo que producen sobre todo as zonas urbanas: é unha forma de colonialismo, que a nivel de Estado practicamos tamén cos países empobrecidos, onde mandamos moito do noso lixo tecnolóxico.
5ª) A implantación no Irixo da incineradora destruirá moitos postos de traballo na comarca e tamén nas limítrofes que están relacionados con sectores totalmente incompatibles con esta industria nociva e contaminante.
Animamos a todos e todas a participar na manifestación do día 7 de xaneiro, ás 16:00 horas, no propio concello do Irixo.









